Sunday 05 de May de 2024

Feijóo inicia a súa viaxe institucional a Arxentina e Uruguai como unha exaltación da cultura e da lingua galega


Salienta o marcado carácter cultural da viaxe ao ser Santiago de Compostela a cidade invitada de honor na 42 Feira Internacional do Libro de Bos Aires

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou no inicio da súa visita institucional a Arxentina e Uruguai, que será unha viaxe cun contido marcadamente cultural pero tamén económico, “porque imos seguir traballando –aseverou- para abrir a economía galega a Sudamérica”.

Nun primeiro termo, afirmou que o feito de que a 42 Feira Internacional do Libro de Bos Aires se dedique a Santiago de Compostela supón “motivo suficiente para estar aquí, acompañados de 27 escritores galegos que neste momento representan a vangarda da literatura e da poesía en galego; das editoriais; do presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares; do presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero; do alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e do Conselleiro de Educación, Román Rodríguez”.

Novas oportunidades económicas
Por outra banda, Feijóo destacou tamén a audiencia que manterá co presidente de Arxentina, Mauricio Macri. Sobre este encontro, afirmou que este país está iniciando unha nova etapa económica e social. “Arxentina estase a abrir ao mundo, mandando seguridade xurídica”, precisou, destacando as novas posibilidades económicas que se abren para os empresarios galegos e tamén para os empresarios arxentinos que queiran entrar en Europa a través de Galicia.

Durante a súa estancia no país, o titular da Xunta saudará á colectividade galega e terá tamén ocasión de recibir por parte das autoridades locais e da Asamblea Lexislativa o título de Hóspede de Honra da cidade de Bos Aires. “E o sábado –anunciou- celebraremos unha festividade moi importante chamada Bos Aires celebra Galicia, na que os galegos encherán as avenidas da cidade. Será unha festa galega no centro de Bos Aires, con gastronomía, turismo…”.

Visita a Uruguai
O domingo, 24 de abril, o presidente da Xunta viaxará a Uruguai, onde manterá unha axenda económica, cun encontro empresarial na Cámara Oficial Española de Comercio de Uruguai; e unha axenda política, con varias entrevistas institucionais, entre as que destaca unha xuntanza co presidente da República Oriental de Uruguai, Tabaré Vázquez, e co intendente da cidade de Montevideo, Daniel Martínez.

“En definitiva, estamos a falar dunha viaxe de recoñecemento á emigración galega; dunha viaxe para saudar aos novos presidentes de Arxentina e de Uruguai; e dunha viaxe cun contido económico e tamén cultural, en defensa da cultura, da literatura e da lingua galega, sendo Santiago de Compostela a cidade invitada na Feira Internacional do Libro de Bos Aires”, concluíu.